CONCELLO DE RIÓS

RUTA DA CASTAÑA

Na actualidade, o Concello de Riós conta con diversos itinerarios de sendeirismo, entre os que cabe destacar o “Roteiro Europeo da Castaña”, da que forman parte países como Italia, Francia e Portugal. Con esta iniciativa preténdese dar a coñecer diversos aspectos relacionados co noso produto estrela: a castaña.

O “Roteiro Europeo da Castaña”, que combina traxectos a pé, a cabalo e en bicicleta, comeza nas proximidades da Igrexa de Santa María de Riós e finaliza na Igrexa de Santo Estevo de Trasestrada, ao carón do Centro de Interpretación da Castaña (antiga reitoral). Os visitantes que decidan achegarse poderán descubrir lugares marabillosos, percorrer soutos de castiñeiros con exemplares centenarios e gozar dunha paisaxe engalanada por ríos e regachos.