CONCELLO DE RIÓS

INTRODUCCIÓN
O concello de Riós, está situado no sueste da provincia de Ourense, nas fronteirizas comarcas de Verín e Conso- Frieiras, nunha zona de montaña, de superficie ondulada e enmarcada por pequenas depresións fluviais entre a Serra Seca e a de Penas Libres.O seu territorio é de 112 quilómetros cadrados cunha poboación de máis de 2.000 habitantes.O municipio consta de 35 entidades de poboación que se agrupan en dez parroquias: Castrelo de Abaixo (Santa María), Castrelo de Cima (Santa María), Fumaces (Santa María), A Trepa (Santa Maria), O Navallo (San Vicente), Progo (San Miguel), Riós (Santa María), Rubiós (San Pedro) , Florderrei (Santa María) e Trasestrada (Santo Estevo).É un concello montañoso con altitudes que oscilan aproximadamente entre os 700 e os 975 m sobre o nivel do mar. A máxima elevación está no punto de Fumaces.Trátase dunha zona de transición cara ao val de Monterrei. No relevo combínanse formas onduladas e depresións sucadas por numerosos ríos pouco caudalosos e moi encanados, todos pertencentes á rede fluvial que conforma ménteo, o cal no tramo final do seu percorrido fai de fronteira natural con Portugal para, unha vez inserido no territorio luso, desembocar no Douro.Debido á gran cantidade de ríos, dicía González Sánchez de Ulloa, que na antigüidade os habitantes desta terra chamábanse Iteranenses.

O medio ambiente está pouco alterado, abundan os bosques de frondosas, carballo, bidueiros, piñeiros e sobre todo soutos de castiñeiros que constitúen un importante atractivo para o municipio.

O clima sitúase entre o oceánico e o mediterráneo nas súas variedades do interior, con invernos moi fríos e longos e veráns moi quentes e secos. A temperatura media anual é de 10º C.