CONCELLO DE RIÓS

FESTAS E TRADICIÓS

A QUEIMADA

“A QUEIMADA” de Castrelo de Cima recupera unha tradición que sempre houbo na zona. É unha festa nocturna,  que se celebra todos os 9 de setembro nun    entorno rodeado de castiñeiros. A luminosidade da augardente queimándose no pote e o recitado do esconxuro danlle á esta cerimonia un aire máxico.

Trátase dunha festa na que participan todas as xentes da aldea, á que acode xente de toda a comarca e mesmo do veciño Portugal.

Dende os seus comezos, aló polo ano 1975, a festa dedícase a un tema ou motivo distinto en cada edición: ás antigas lareiras, ás tabernas do pobo, á vendima, aos viquingos, ao mundo medieval.

A xente da aldea é a que prepara todos os actos que se celebran na noite da queimada. Esta festa fai que emigrantes e residentes da aldea se xunten neses días.

A Queimada faise coa augardente da zona, de moita sona e calidade. Toda persoa que acuda a Castrelo de Cima esa noite será convidado gratuitamente a tomar queimada e bica.

VELLARÓN

A máscara do Vellarrón, que se está a recuperar polo concello e asociacións culturais, representa unha cara humana, cunhas orellas pregadas, barba e bigote feitos con la de ovella negra. A coroa está feita con vimbio e papeis (Veiga do Seixo) ou tiras de tea (Castrelo de Cima) de cores. A vestimenta complétase cunha camisa de felpa cun triangulo invertido e adornada cunha especie de escarapelas ou fror de tea da que penduran fitas de cores; o pantalón vai adornado con flocos de cores, na cintura un pano e un cinto de esquilas. Nas pernas: polainas de coiro.

Non hai moito tempo que estas máscaras saían en grupo a pedir cartos ou máis ben viandas coas que facer logo un xantar para o grupo. Acompañando aos vellarróns ían outros personaxes como a Madama, muller engalanada con roupas elegantes e o Farrangón, home disfrazado con roupas vellas e coa cara tapada, que era o encargado de recoller os aguinaldos que daban os veciños.

O vellarrón, ao tempo que facía soar as esquilas que levaba na cintura, ía zorregando cun “farrapo” similar a un mallo, a cantos atopaba polas rúas ao seu paso. A xente dicíalle: ¡Vello, vello, vellarrón, mete os cartos no bolsón!, para que gardara os cartos que algúns lle daban.

Segundo conta Xosé Rguez. Cruz, investigador das tradicións e costumes do sueste ourensán, (Trazos sobre a vestimenta tradicional no Sueste Ourensán, Ed. Deputación de Ourense, 2004)

Outro dos costumes do entroido en Castrelo de Cima eran as visitas e os bailes das bolboretas.

Ataviados con panos, colchas ou calquera roupa vella, as chamadas bolboretas ían de casa en casa, entrando nelas onde bailaban en medio de bromas e volvían a saír para continuar co seu baile na rúa e logo noutra casa, así ata recorrer toda a aldea.

A Castaña

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagáceas e de nome científicoCastanea Sátiva. Ao longo da historia constituíu un dos alimentos máis antigos da humanidade.

Hai quen pensa que o castiñeiro foi introducido en Galiza polos romanos, porén, a hipótese máis aceptada hoxe, en base a estudos palinolóxicos, é que se trata dunha froita autóctona, nas formas bravas e silvestres, xa que ao pé dos castros celtas xa había castiñeiros, e que os romanos foron os que espallaron e introduciron novas variedades de castaña selecta.

A maior parte das castañas que se collían nos soutos galegos botábanse nos canizos das cociñas, para secalas. Todas  as lareiras galegas tiñan enriba delas un canizo; o teito da cociña estaba formado por travesas de madeira separadas entre elas medio centímetro, deixando espazo suficiente para que puidese subir o calor e o fume, sen que caesen as castañas. As castañas secas son duras. O seu sabor, coma se fosen un caramelo, é doce e exquisito.

Estas castañas secas, que se conservaban sen problema durante varios meses, cocíanse, coma se fosen patacas, constituían un dos alimentos básicos.

Xa desde o século XVI coa chegada das patacas e do millo que proviñan de América, deixaron de ser un dos alimentos básicos para convertérense nun máis.

A castaña consómese asada, cocida con leite, en auga, no caldo ou acompañando a certas carnes. Actualmente, é cada vez maior a presenza da castaña en pratos elaborados con carnes de caza e en doces de alta cociña, destacando o “marrón glacé”

Riós forma parte da comarca produtora de castaña de Conso-Frieiras, cunha produción anual que ronda as 2.000 toneladas. Dada a calidade e calibre das castañas da comarca son demandas de todas as partes do mundo.

As variedades máis comúns no Riós son:

  • Famosa,
  • Longal,
  • Vermella
  • e a Piñeira,

sendo as variedades de Famosa e Longal as máis abundantes e aPiñeira,  a primeira en dar froito.

A castaña posúe propiedades tónico-vasculares, reconstituíntes e tamén antinflamatorias, polo que son beneficiosas para a memoria,. e moi indicadas en casos de desgaste físico, depresións, problemas de próstata, varices, e hemorraxias.

A festa da castaña y do cogumelo

No Riós vense celebrando dende fai 11 anos a festa da castaña e do cogomelo co obxecto de enxalzar estes dous produtos típicos do outono e da zona.

Durante dous días do primeiro fin de semana do mes de novembro celébranse actividades de tipo cultural e gastronómico; charlas informativas sobre os castiñeiros, concurso gastronómico da castaña e do cogomelo, concurso fotográfico e stands expositivos con produtos artesáns da zona, embutidos, carne ecolóxica,…

A festa remata cunha comida-degustación popular, que o concello organiza destes dous produtos, que ano a ano conta con gran asistencia de comensais, tanto dos veciños do Concello coma de foráneos