Iglesia de Santa María de Riós
A arquitectura relixiosa ten a construción máis representativa na igrexa de Santa María de Riós, finalizada no 1718, con torre barroca e interesantes tallas no interior, como as de Santa Ana, San Joaquín, Santa Lucía e o Santo Cristo.
A rúa central do retablo presenta o sagrario en forma de baldaquino e adornado con columnas salomónicas. E xusto encima está a magnífica talla da Virxe da Asunción, que algúns atribúen, quizais erroneamente, ao escultor renacentista Xoán de Angés.
Entre os retablos laterais destaca o dedicado ao Cristo Crucificado, relacionado pola ben tratada anatomía e polo dramatismo, coa escola castelá de Gregorio Fernández.
Existe constancia doutro edificio parroquial máis antigo. Do enxoval deste primitivo templo consérvase un cáliz do século XVI, unha fermosa cruz procesional do prateiro Isidro de Montanos, do século XVII, e unha naveta con fina filigrana plateresca.
En Riós temos tamén un fermoso cruceiro, xunto á travesía, de tres bancadas e coroado por unha cruz de pedra florenzada, semellante ao que atopamos na aldea de Progo.
San Estevo de Trasestrada
Destaca neste templo relixioso o gran retablo barroco, realizado, segundo consta nunha inscrición no ano 1746, sendo abade o licenciado Luís Cobelas.
Son dignos de mención os fermosos guardapolvos, con boas tallas de angelotes e motivos vexetais, ademais das figuras de San Estevo e Santa Tareixa, á que tiñan gran devoción os membros da casa de Alba, da que dependía esta igrexa.
Segundo o estudoso de arte Pérez Constanti, o escultor Alonso Martínez realizou en 1602 un retablo para esta parroquia, do mesmo xeito que unha imaxe da nosa Señora, hoxe desaparecidos.
No museo do bispado de Ourense podemos admirar unha imaxe da Virxe co Neno procedente desta parroquia. Proba da súa riqueza é a abundante ourivaría, na que destaca unha cruz procesional, feita no 1807 polo prateiro Ortiz.
Capilla de Santiago de Pedroso
A pequena capela dedicada a Santiago no pobo de Pedroso pertence á parroquia de San Estevo de Trasestrada.
Data do século XVIII, no interior acolle unha curiosa imaxe en pedra do Apóstolo Santiago, de estilo románica.
Atopouse nunha leira de cultivo preto da aldea, na que se cre que puido existir unha capela primitiva.
Iglesias de la Ribeira
Proba da profunda relixiosidade dos habitantes das aldeas da Ribeira, en pártea sur do concello de Riós, son as numerosas capelas, entre as que destacan as de San Pedro de Mourisco e Santa Mariña de Covelas, que repiten o mesmo esquema de planta rectangular, forte espadana e o emprego de cantería e sillarejo.
Na Vega do Seixo atopamos a capela dedicada a santa Ana, cunha talla que representa á santa nova, contenta e con María no colo.
A pesar da humildade da capela de San Paio, temos constancia da existencia dunha familia rica e distinguida, a dos Fernández Cortés, criados antigos e fieis do conde de Monterrei, segundo conta Pedro González de Ulloa.
A igrexa parroquial de Santa María de Castrelo de Cima é do século XVIII. O retablo, da mesma época, ten de interese a talla en madeira da patroa e unha cruz procesional do XVII.
Na parroquia de Castrelo de Abaixo venérase a imaxe da nosa Señora dos Portais, do século XVIII, o mesmo que o edificio relixioso.
Santa María de Fumaces
É unha das fachadas máis elegantes e esveltas da comarca, debido á alta e fina espadana e á delicada decoración.
Todo o edificio fué construído por subscrición popular e polo diñeiro obtido tras a venda de leña dos terreos comunais, moi abundante, xa que abastecía tamén a outras vilas e aldeas da comarca, como Verín, Monterrei e Pazos.
No interior da igrexa atopamos un retablo dedicado á Virxe das Dores e, xunto coa representación da Paixón, ocupa toda a cabeceira.
Trátase dunha versión popular do retablo maior da igrexa parroquial de San Salvador da Xironda, no concello de Cualedro, realizado polo pai mercedario Pedro Pascual.
Santa María da Trepa
Todo o edificio presenta unha boa cantería, nunha das pedras pódese ler a data de finalización do templo parroquial: 1780. “ Vin poñer a primeira pedra nos seus cimentos, prediquei o día da dedicación…”, segundo cóntanos o historiador Pedro González de Ulloa, clérigo ao servizo do conde de Monterrei, para quen fixo un inventario dos seus bens en 1777.
Narra tamén que a construíu á súa costa, e con algunhas esmolas, don Bernabé de Limia, aínda que fué finalizada por don Bernardo Álvarez.
O construtor foi José Quintero, segundo os datos que se poden ler na airosa espadana.
Como curiosidade, don Pedro fálanos da animada romaría as Doures, que se celebrou nesta freguesía, e á que acudían romeus de toda a comarca e do norte de Portugal.
San Pedro de Rubiós
Grazas á inscrición nunha táboa de madeira que se atopa na sancristía, coñecemos a data de construción: “Ano de 1700. Fixo esta obra Francisco de Rosales, mestre de carpintería, sendo abade o señor Juan de Figueroa e comisario do Santo Oficio”.
A este último tamén o atopamos na aldea de Vilardevós, na inscrición dunha pedra reutilizada.
Un desgastado escudo sobre a porta principal indícannos a pertenza a unha casa nobiliaria. Máis antiga que o edificio é a talla da Virxe co Neno, quizais do século XVI, coñecida como a Virxe da Ou.
É unha boa imaxe, do mesmo xeito que os retablos laterais, que son da mesma época
San Miguel de Progo
Toda a edificación é de cantería ao exterior, con espadana de dous vans e adorno de pináculos, seguindo un modelo común na zona.
Como curiosidade, esta parroquia posúe un cáliz coa inscrición: “Pedro Pérez, veciño de Córdoba, deu este cáliz para San Pedro de Pousada, ano de 1745″.
O cruceiro de Progo é, xunto co de Riós, un dos dous existentes en todo o municipio.
Ten tres bancadas, capitel moldurado e finalizado con pedra florenzada.
Polas súas características, pode datar do século XVIII.